Novo web acerca de Ted Trainer e a súa obra

Coincidindo coa esperadísima publicación do libro La vía de la simplicidad: hacia un mundo sostenible y justo, do veterán autor australiano Ted Trainer, que a nosa asociación leva promovendo desde 2013 e que por fin chegará neste mes de xaneiro ás librarías de España e Hispanoamérica grazas á editorial Trotta, vimos de pór en andamento un novo web en formato wiki para dar a coñecer a súa figura e mais a súa obra aos públicos falantes de castelán, portugués, catalán, euskera e galego. Con isto damos un paso máis na difusión das súas propostas sociopolíticas, que consideramos da máxima relevancia para sortearmos o colapso civilizatorio en cerne, e que xa comezáramos coa difusión da versión orixinal do libro: The Transition to a Sustainable and Just World e coa tradución dalgunha das súas partes.

Captura do novo wiki LaViaDeLaSimplicidad.info
O web está localizado en LaViaDeLaSimplicidad.info e polo de agora conta con versión en 4 deses 5 idiomas (a versión en euskera estará axiña tamén dispoñible) e cuns contidos iniciais que se irán ampliando a medida que vaiamos recompilando novos artigos, reseñas, vídeos, fragmentos do libro e outros contidos dispoñibles nestas linguas acerca da figura mais a obra de Trainer.

Nas traducións e contidos están a axudar Ramom Flores, Miquel Tort e Ariadna Uve, colaboradores da revista 15/15\15. Agradeceremos as achegas do público en xeral, que nos queiran facer chegar artigos acerca de Ted traducidos ou publicados nas nosas linguas e que non recolléramos aínda neste wiki.

O wiki será ofrecido polo Instituto Resiliencia, un novo e ambicioso proxecto da nosa asociación que tamén verá a luz neste novo ano 2017 e do que iremos dando máis información nos vindeiros meses.

Deixa unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.